Friday 03 de May de 2024

O concello proxecta unha nova iniciativa para poñer en valor a cultura mriñeira de Caión


Entre as intervencións estarían a realización de murais para embelecer o litoral e a creación dunha ruta interpretativa con elementos para facer autorretratos.

Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse concorrer á convocatoria de axudas da Consellería do Mar para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo, aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 (DOG nº 183 do 26 de setembro de 2023).

O Concello presenta un proxecto baixo o título ‘A Laracha revivida’ dirixido a rexenerar e poñer en valor espazos do litoral de Caión vinculados á cultura do mar, sendo tamén un impulso para o sector turístico.
Entre as accións que se pretenden levar a cabo están o embelecemento de edificacións mediante a realización de murais e a creación dunha ruta interpretativa da cultura mariñeira a través de elementos que permitan a realización de autorretratos en puntos de interese, en ambos casos coa correspondente asistencia técnica durante todo o proceso.

O orzamento do proxecto ascende a 64.500 euros.